Monday 06 de May de 2024

Ribeira presenta a primeira edición do Bruón Folk Fest en Artes


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e os concelleiros Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte presentaron xunto a Pablo Silva e Ventura Otero, da asociación Os Liantes, o primeiro festival folk que se celebrará o vindeiro mes de maio na parroquia de Artes.

O Bruón Folk Fest, organizado pola asociación cultural Os Liantes en colaboración co Concello de Ribeira, celebrará a súa primeira edición os vindeiros 10 e 11 de maio no Centro Recreativo de Artes.

O nome do festival, segundo explicou Ventura Otero, fai referencia á lenda do Boi Bruón, que quedou atrapado nunha vila asolagada no Carregal. “Neste festival non só vai ter cabida a música, senon tamén a poesía e actividades para tódalas franxas de idade, intentando que sexa unha experiencia inmersiva para toda a familia.” Otero resaltou así mesmo a colaboración coa Tik-toker Prado Rúa que axudará coa difusión do propio festival.

A concelleira de cultura, Antía Alberte, destacou a elección de enmarcar este festival no mes das letras galegas, ampliando así a programación cultural do Concello. “Imos incorporar o micro aberto para todo o mundo que queira participar, e queremos contar con artesáns galegos para que tamén teñan presenza neste festival”. Pola súa parte, o concelleiro Suárez
Puerta explicou que o festival “é froito do noso propósito de levar a cultura e a arte a tódalas parroquias, poñendo en valor a nosa tradición”.

O venres día 10 inaugurarase o festival cunha mesa redonda sobre a lenda do Boi Bruón, para posteriormente rematar cunha foliada libre na que participarán grupos de toda a comarca do Barbanza. Para a segunda xornada do día 11 están programadas as actuacións de varios grupos como Boroa, Isidro Vidal, as Maianas ou Habelas Hainas. “Tamén haberá actividades paralelas como exposicións de pintura de artistas locais e sesións de micro aberto” explicou Ventura Otero.
“Con este festival folk pretendemos descentralizar as actividades culturais do Concello e por en valor a música do noso país; e que mellor que facelo nunha parroquia rural como é Artes, cunha longa tradición musical” concluiu o alcalde Luís Pérez.